Benvidos ao blog de Terceiro Ciclo de primaria do CPI Domingo Fontán

Sistema Solar

A LEI DA GRAVIDADE
“A gravidade é a forza de atracción que experimentan os obxectos. A forza de atracción entre dous obxectos é directamente proporcional ó produto das masas de cada un, e inversamente proporcional  ó cadrado da distancia que os separa.”




A gravidade é una forza moi importante na nosa vida cotiá xa que é a que nos mantén pegados á terra. Por iso non importa que esteamos no hemisferio norte ou no sur, nos polos ou no ecuador, o ceo sempre estará enriba de nós.
Hai dous factores que afectan á caída dos corpos. Un deles, o máis importante, é a gravidade. O outro é a resistencia do aire, que depende da velocidade, a forma do obxecto e a densidade.

Onte dedicamos a tarde a experimentar coa gravidade, esa estraña forza de atracción oculta na Terra que fai que todo tenda a pegarse ó chan.
Partimos da publicación “Experimentos sinxelos para entender unha terra complicada”  da Universidade Nacional Autónoma de México (Susana A. Alaniz Alvarez e  Angel F. Nieto Samaniego), que reúne unha grande cantidade de experimentos co fin de explicar a importancia de “A caída dos corpos” realizado por Galileo Galilei hai case 400 anos; e entre eles os que levamos á práctica e vos vamos a presentar a continuación.

¿CAL CAE PRIMEIRO?

MATERIAIS
Dúas “canicas” iguais.

PROCEDEMENTO
Suxeitamos as dúas “canicas” cunha man, entre o dedo índice e o polgar, coidando que a palma estivera cara abaixo.


Despois, coa outra man, démoslle un golpe forte horizontal a unha delas de maneira que unha saíu disparada cara o fronte.


¡¿QUE PASOU?!
No momento no que separamos as dúas canicas unha delas caeu ó chan verticalmente e a outra saíu disparada cara o fronte.

A pesar de que unha delas recorreu unha distancia maior, ¡AS DÚAS CAÍRON Ó MESMO TEMPO!

EXPICACIÓN
Hai dúas forzas que controlan a caída dos corpos: a gravidade e a resistencia do aire. Se os dous obxectos son iguais e a resistencia do aire é mínima, entón só a forza da gravidade inflúe no tempo que tarda en chegar ó chan, aínda que unha delas viaxe un cacho horizontalmente.


MÁNDAOS A VOAR: A RESISTENCIA DO AIRE
Os obxectos pesados ás veces caen primeiro que os lixeiros, ¿Por qué as veces?
MATERIAIS
-          Un libro de pasta grosa.
-          Unha folla de papel.
PROCEDEMENTO
Primeiro un de nós suxeitou o libro de pasta grosa e o outro o papel, os dous á mesma altura e colocados de maneira plana, paralelos ó chan. Deixámolos caer ó mesmo tempo.



Na segunda volta puxemos o papel enriba do libro e deixámolos caer.


¿QUE PASOU?
No primeiro caso o libro caeu moito antes que a folla.

No segundo, cando a folla está enriba do libro, caeron ó mesmo tempo.

EXPLICACIÓN
No primeiro caso, como o libro é máis pesado, vence a resistencia do aire, mentres que a folla é sostida por esta e fai que planee.
No segundo, o libro abre camiño á folla e, polo tanto, caen xuntos.
¡BAIXAN! : GALILEO GALILEI
¿Fixástesvos? Na escena transmitida dende a lúa polo Apolo 15 vese que o astronauta deixa caer unha pluma e un martelo e caen ó mesmo tempo, ¿sabedes por qué fixeron ese experimento na lúa?


MATERIAIS
-          Dúas botellas de plástico.
-          Area.
PROCEDEMENTO
Primeiro enchemos, de todo, unha das botellas de auga con area. Á outra botámoslle só unha pouquiña. De seguido dirixímonos ás escaleiras do corredor da ESO que dan ó patio do colexio. Non había vento.

Dende arriba de todo deixamos caer as dúas botellas á vez.


¿QUE PASOU?
As dúas botellas caeron ó mesmo tempo a pesar de ter distinto peso.


ESTE EXPERIMENTO NA HISTORIA
Ata o século XVI críase que os obxectos máis pesados caían máis rápido que os lixeiros tal e como dixera Aristóteles 19 séculos antes.

Galileo Galilei, como profesor de matemáticas na Universidade de Pisa cuestionou as creencias de entón. Arroxou dous obxectos de diferente peso dende a torre inclinada de Pisa e mostrou que caían ó mesmo tempo. Este experimento foi elixido como o segundo máis belo da historia xa que cun exercicio moi simple demostrou que, ás veces, é a natureza ten a última palabra.




                         “Me lo contaron y lo olvidé, lo vi y lo entendí, lo hice y lo aprendí”